Sunday 28 de April de 2024

A alcaldesa destaca a necesidade de apostar pola transformación dixital e a sostibilidade como palancas da recuperación económica


Inés Rey aposta por converter A Coruña nun gran polo de atracción de proxectos TIC

Destaca a aportación do Anuario 2021 do Foro Económico de Galicia como unha “folla de ruta” para saír da crise da Covid-19

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na presentación do Anuario do 2021 do Foro Económico de Galicia. O acto tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña e contou coa presenza, entre outros, do presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, e Julio Abalde, reitor da UDC.

A alcaldesa destacou o Anuario como un documento de reflexión no que aportar achegas desde distintos eidos sobre a situación económica da comunidade tras a pandemia. “Hoxe máis ca nunca precisamos deste tipo de diagnoses para facer fronte á etapa post-pandemia que encaramos”, sinalou Inés Rey.

“Cómpre saír da crise con paso firme e, para iso, precisamos de follas de ruta como este
Anuario que hoxe presentamos, un documento que achega propostas, ideas e análises documentadas en materia económica para facer fronte aos desafíos do noso tempo”, apuntou a alcaldesa. O Anuario amosa unha radiografía do impacto da Covid-19 no panorama económico galego e afonda nas ferramentas para paliala, destacando a transformación dixital xa iniciada.

Inés Rey incidiu en que “é clave apostar pola transformación dixital, a sostenibilidade e a transición enerxética”. “A Coruña foi unha das primeiras cidades en comprometerse coa Axenda Urbana cun protocolo asinado a finais de 2020 o Ministerio de Transportes Movilidad e Axenda Urbana que pretende crear un modelo de cidade urbano sostible que vertebre a transición económica, ecolóxica e social da cidade fomentando a cohesión social e facendo un uso racional do solo”, sinalou a alcaldesa.

“A responsabilidade política que temos como goberno coa cidade, pasa por adiantarnos aos cambios, por brindar todo o noso apoio á innovación tecnolóxica, ao noso talento emprendedor, e a todo aquilo que, máis pronto que tarde, será o motor económico do mundo no que vivimos. O que xa é unha realidade a nivel global, empeza a selo tamén a nivel local.

Temos que ser capaces de dar forma a un auténtico ecosistema galego de empresas tecnolóxicas que converta Galicia nun gran polo de atracción de proxectos TIC” destacou na súa intervención.

O Concello da Coruña foi a primeira administración galega en articular e desenvolver un Plan de Reactivación Económica e Social, denominado Presco, que se atopa na actualidade na súa segunda convocatoria, tal e como lembrou a alcaldesa. Na súa primeira edición, este programa mobilizou 14 millóns de euros para os sectores máis afectados, poñendo en marcha axudas directas a máis de 4.000 autónomos e dinamizando a cidade a través dos Bonos PRESCO usados no comercio local e que xeraron vendas por valor de 3,5 millóns de euros.

Este ano o Concello da Coruña considerou conveniente manter as medidas con mellor acollida e establecer outras novas para complementar as achegas postas en marcha por outras administracións. O obxectivo último é contribuír ao mantemento do tecido socioeconómico da cidade, facendo fronte ás consecuencias sociais e económicas da pandemia coa maior axilidade posible, achegando recursos para o tecido social e económico coruñés e atendendo ás persoas máis vulnerables.